INSEMINARIO

a punk attitude

26.3.07

COMUNICADO DA ASOCIACIÓN DA XENTE NORMAL

Por este medio, a Asociación da Xente Normal (A.X.N.) pon en coñecimento da opinión pública o seu posicionamento a respecto dalgunhas cuestións de máxima actualidade:

1. As reiteradas apelacións do presidente do Partido Popular, D. Mariano Rajoy, á "xente normal" (españois de ben, persoas decentes, etc.) énchennos de satisfacción polo que supón de recoñecimento da nosa base social. Non obstante, nen ese dirixente político nen ningún outro membro do P.P. ten contactado coa dirección da A.X.N. para recadar información sobre as problemáticas que atinxen ao noso colectivo.

2. En calquera caso, a A.X.N. quere expresar o seu respaldo incondicional a D. Mariano Rajoy pola decisión adoptada en relación co grupo de comunicación PRISA. Grazas a esta brillante maniobra de autocensura, a mensaxe do P.P. sairá cun hándicap de partida na carreira electoral das vindeiras municipais. Un xesto cabaleiroso que sen dúbida o honra, tanto a el mesmo como ao partido que representa.

3. En solidaridade con D. Mariano Rajoy, a A.X.N. renuncia a conceder entrevistas ou a inserir publicidade en calquera das filiais dos grupos de comunicación participados polos empresarios Rupert Murdoch e Silvio Berlusconi, así como nos xornais La Voz de Galicia e El Correo Gallego. O trato displicente (senón o apagón informativo) do que vimos sendo vítimas a diario desde eses medios obríganos a adoptar tan drástica postura.

4. Solicitamos dos nosos lectores o voto á única forza política normalista que pode garantir un auténtico clima de paz social, en consonancia co galleguismo extremo que profesamos: Reticencia Galega.

A Dirección